Saturday 04 de May de 2024

A Xunta destina preto de 300.000 euros a actuacións de restauración de espazos naturais en Ortigueira


Entre os traballos en execución estanse a eliminar tanto especies exóticas invasoras e alóctonas como aquelas que non son propias deste hábitat

A Xunta de Galicia destina preto de 300.000 euros a actuacións de restauración en espazos protexidos do Concello de Ortigueira, tal e como salientou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, na visita que realizou hoxe ao sistema dunar de Morouzos, acompañada polo rexedor municipal, Valentín Calvín.

Logo de salientar que os traballos estarán rematados antes de fin de ano, Do Campo explicou que no sistema dunar de Morouzos se están a erradicar especies arbóreas que non son propias deste hábitat como son os piñeiros así como especies exóticas invasoras como acacias e alóctonas como os eucaliptos, uns traballos que tamén se están realizando na senda de Luama.

A retirada de piñeiros permite a recuperación da dinámica natural do espazo xa que se eliminan especies non propias destes ecosistemas, mellorando o estado de conservación dos hábitats dunares. Nesa liña, efectuarase tamén unha delimitación e cartografía dixital das zonas nas que estaban presentes os piñeiros para estudar a evolución do sistema dunar.

“O obxectivo é restaurar, recuperar e mellorar os tipos de hábitats e especies de interese comunitario presentes na contorna”, subliñou Do Campo, quen lembrou que se trata de dunas costeiras fixas con vexetación herbácea, coñecidas como ‘dunas grises”, que é un hábitat de interese comunitario 2130.

A maiores, segundo dixo a directora xeral, tamén se están a desenvolver iniciativas para dar a coñecer entre as persoas usuarias os recursos naturais existentes nesta contorna, así como as medidas de xestión e de conservación da súa biodiversidade.

Estas actuacións fináncianse con cargo aos fondos europeos que corresponden a Galicia a través da compoñente 4 (conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade) do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Cómpre lembrar que a Zona húmida protexida e sitio Ramsar “Ría de Ortigueira e Ladrido” conforma un dos espazos naturais de maior valor ecolóxico do litoral setentrional galego. Así, este territorio constitúese como unha zona húmida costeira de carácter estuario que inclúe extensas chairas intermareais fango-areosas, amplas marismas e un considerable sistema dunar.

Este enclave alberga unha importante diversidade de hábitats costeiros dominados por formacións halófilas intermareais e, ademais, sustenta poboacións invernantes de especies migratorias que seguen a ruta do Atlántico oriental, á vez que constitúe unha importante área de refuxio para as aves mariñas en períodos de condicións climáticas adversas.